04 / Diciembre / 2008
O recinto feiral de Lugo acolleu unha presentación das accións do Programa de Mellora Gandeira de Galicia, a cargo do director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca Fernández, coa asistencia duns 150 gandeiros.
Lugo ten máis do 52% das explotacións galegas adheridas a Control Leiteiro, un programa promovido pola Consellería que procura o incremento da rendibilidade das explotacións e a mellora da calidade do leite.
Os gandeiros galegos poden acceder dun xeito rápido, e a baixo custo, ás mellores liñas xenéticas do mundo sen saír de Galicia, proporcionadas por dous centros participados directamente pola Consellería do Medio Rural, a UTE de Bos, na Coruña, e Xenética Fontao, en Lugo. Os dous son na actualidade centros de referencia, con logros como que o mellor touro do Estado español sexa un exemplar do centro lucense; ou que unha vaca propietaria dunha explotación de Barreiros, Rosalía James, fose considerada como a Gran Campiona de España pola Confederación de Frisona Española, CONAFE.
Estes son algúns dos resultados que na mañá de hoxe salientou o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca Fernández, no acto de presentación do Programa de Mellora Gandeira (PMG) de Galicia, celebrado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e ao que asistiron arredor de 150 titulares de explotacións, ademais de directivos das principais organizacións do sector desta provincia.
O PMG é o epígrafe baixo o que a Consellaría do Medio Rural une as distintas accións e liñas de traballo que se están a levar a cabo, en colaboración cos gandeiros e coas súas asociacións, para conseguir afianzar a viabilidade das explotacións, en especial do gando leiteiro frisón, pero tamén da raza rubia galega e doutras especies autóctonas propias do medio rural galego.
Entre outros resultados obtidos coas accións do PMG, un touro galego da empresa pública lucense Xenética Fontao, Mario Xacobeo, é na actualidade o Número 1 do Estado español, e a súa xenética expórtase, non só a outras comunidades, senón tamén a EE.UU., Francia ou Canadá, aos que até hai pouco Galicia acudía na procura de xenética de calidade. O centro lucense comercializa entre 800.000 e 1.000.000 de doses de seme ao ano, e é a referencia no Estado da raza frisona, ao testárense alí anualmente o 45% de todos os touros probados, número que se está a incrementar con rapidez debido, en parte, á grande oferta de touros de alta calidade por parte das ganderías.
A mellora da cabana permitiu, segundo Antonio Oca, que a rendibilidade das vacas leiteiras galegas se incrementase nos últimos anos nun 23%, “unha cifra que podemos seguir mellorando na medida en que os gandeiros galegos utilicen os recursos que teñen ao seu dispor”, explicou. Galicia ten de feito “o mellor programa de xenética do Estado e os gandeiros poden acceder a unha xenética de elite a prezos que até non hai moito eran inimaxinables”, incidiu. Grazas a isto, entre outras cuestións, a produción media por granxa en Galicia pasou en moi pouco tempo de 22.600 quilos aos case 151.000 da actualidade.
A clave deste desenvolvemento, segundo lembrou o responsable de Medio Rural, está nos plans de mellora xenética e de control leiteiro que, na provincia de Lugo, están tendo excelentes resultados pola elevada implicación dos gandeiros. De feito, un total de 94.787 reses pertencentes a 2.242 explotacións da provincia son visitadas mensualmente por controladores da Asociación lucense de control de rendementos, AFRICOR Lugo, para coñecer o estado de produción de cada res, identificar os aspectos nos que é preciso reforzar a mellora e comprobar os resultados dos cambios introducidos.
As vacas lucenses en control leiteiro supoñen máis do 51% do total de reses galegas adheridas a este programa, “o que dá idea do potencial desta provincia no sector lácteo, o máis desenvolvido do agro galego”, afirmou Antonio Oca, “pero tamén o que máis incerteza padece, froito das flutuacións no prezo deste produto en orixe, ou de feitos como que, despois de ter que asumir recentemente limitacións na produción, as autoridades europeas acaben de aprobar a desaparición das cotas nun breve período de tempo”.
Neste contexto é no que cómpre inserir as actuacións da Consellería do Medio Rural, “porque o futuro pasa necesariamente pola mellora da rendibilidade e da calidade do leite, pero tamén por potenciar unha actitude vocacional cara á profesión de gandeiro, porque só así se pode facilitar o relevo xeracional e a permanencia da xente máis nova na actividade”, argumentou o director xeral.
![]() Daniel Vispo |
No mesmo acto, a Consellería do Medio Rural facilitoulles aos gandeiros información sobre as axudas europeas para as ganderías, presentadas por Cruz Enjo, de AGADER; e un novo sistema de quecemento da auga nas explotacións, que explicou o profesor Daniel Vispo, do IES “As Mercedes”, de Lugo. |
![]() Cruz Enjo |
Texto: Gabinete de comunicación da Consellería do Medio Rural
www.melloragandeira.com