AFRICOR LUGO

Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo
para o Control de Rendementos

Lexislación · Normativa

Proxecto de Lei de mobilidade de terras

09 / Mayo / 2011

 PROXECTO DE LEI DE MOBILIDADE DE TERRAS

 

  • A nova norma elaborada pola Consellería do Medio Rural elimina o dereito de tanteo e retracto que permitía ao Banco de Terras frustrar calquera operación de compravenda dun predio para facerse con esa propiedade
  • Amplíase o ámbito de actuación do Banco de Terras a todas as parcelas con vocación agraria de Galicia
  • Proponse un novo marco de colaboración co Estado para poder aproveitar a riqueza produtiva das máis de 320.000 parcelas de propietarios descoñecidos, que suman 5.600 hectáreas de superficie

 

    O Consello da Xunta deu o seu visto e prace ao Proxecto da Lei de mobilidade de terras, que ten como principal obxectivo reforzar a dinamización do agro galego mediante o aproveitamento e optimización de todo o potencial que ofrece o Banco de Terras como instrumento para incrementar a produtividade e a riqueza do medio rural.

    As melloras que recolle a nova norma elaborada pola Consellería do Medio Rural, em comparación coa anterior Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia, estrutúranse en catro eixos fundamentais: a derrogación do dereito de tanteo e retracto, a ampliación da base de actuación territorial e das funcións do Banco de Terras, a capacidade de actuación sobre os bens de propietarios descoñecidos e o fomento de medidas e estímulos que faciliten a incorporación voluntaria de bens ao Banco de Terras por parte dos propietarios.

 

Tanteo e retracto

    O dereito de tanteo e retracto que en virtude da Lei 7/2007 pode exercer o Banco de Terras ante calquera operación de compravenda de parcelas que se rexistre en Galicia é unha opción preferente de compra da Administración que se considera intervencionista e que está a frear o mercado de compravenda de terras.

    Por un lado, esta norma complica a burocracia administrativa –debido a que en cada operación o Banco de Terras debe comunicar ao propietario a súa renuncia a ese ben– e, por outra, xera un clima de inseguridade e incerteza entre os propietarios, posto que o interese público por unha parcela pode frustrar calquera acordo de compravenda entre particulares.

 

Ampliación do ámbito de actuación

    Outro dos cambios sustanciais introducidos polo departamento que dirixe Samuel Juárez radica na ampliación do ámbito de actuación do Banco de Terras, que na Lei 7/2007 estaba limitado á superficie agraria útil dentro das Zonas de Especial Interese Agrario e que na nova norma aprobada hoxe polo Consello pasará a comprender todos os predios con vocación agraria de todo o territorio galego. Así, facúltase ao Banco de Terras para actuar en superficies forestais e incluso en zonas cualificadas como urbanas, que na actualidade están a ser empregadas con uso agrario.

    A diferenza coa Lei 7/2007, o anteproxecto da Lei de mobilidade de terras tamén prevé un novo marco relacional entre a Xunta de Galicia e o Goberno central para posibilitar a mobilización e o aproveitamento das 320.000 predios rústicos existentes en Galicia de propietarios descoñecidos, que suman unha superficie de 5.600 hectáreas.

    Neste eido, a Consellería do Medio Rural pretende que o Banco de Terras, sen pór em discusión a titularidade dos predios, poida xestionar toda esa superficie de propietarios descoñecidos para aproveitala dende un punto de vista produtivo, contribuíndo a mellorar as condicións de cultivo e a incrementar o seu valor.

 

Máis funcións para o Banco de Terras

    Co obxecto de ampliar as funcións do Banco de Terras e impulsar a incorporación dos bens por parte dos propietarios, a nova lei establece diversas medidas de estímulo, como garantir aos propietarios das terras a percepción dos prezos de referencia pólo arrendamento dos seus bens –con independencia de que o importe acordado entre ambas as partes ou ofertado polo potencial arrendatario sexa superior.

    Con esta medida, o prezo pasará a ser un factor de concorrencia á hora de optar mais dun arrendatario ao mesmo predio, o que incrementará o atractivo do Banco de Terras para os propietarios que queiran incorporar as súas leiras, xa que poderán obter do arrendamento delas un beneficio económico maior.

    Por outra banda, a nova lei faculta o Banco de Terras para ofrecer servizos de intermediación entre terceiros para o arrendamento ou aluguer de instalacións vencelladas ás explotacións agrarias. Ademais, tamén dará soporte legal aos traballos de investigación e clarificación da propiedade das terras, que ata o de agora só podían facerse por parte da Comunidade Autónoma a través do decreto de concentración parcelaria.

    Coa finalidade de fixar poboación e de xerar riqueza no territorio rural, o Banco de Terras tamén ampliará os destinos e usos das parcelas incorporadas e arrendadas alén do uso agrario xa recollido na Lei 7/2007. Así, o Banco de Terras poderá actuar sobre predios que teñan unha clara vocación de seren empregados para a conservación da natureza e do patrimonio histórico ou a ordenación de leiras forestais, entre outros moitos usos.

 

Doazón de predios a outras administracións

    Coa nova norma, poderanse doar masas comúns propiedade do Banco de Terras a entidades locais se estas teñen un fin ou interese social ou ambiental. Moitas destas leiras xa están ocupadas hoxe en día por auditorios, cemiterios, campos de fútbol etc., e sería este punto un xeito de regularizar esta situación. Neste momento existen case 400 peticións de concellos para esta cesión.

    Finalmente, a Lei de mobilidade de terras tamén elimina as Zonas de Especial Interesse Agrario (ZEIA), que tal e como figuraban na Lei 7/2007 estaban a provocar discriminacións entre comarcas en cuestións como a aplicación do dereito de tanteo e retracto. Pola contra, establece a posibilidade de decretar Zonas de Actuación Agraria Prioritaria coa finalidade de adoptar nesas áreas medidas dinamizadoras e de reactivación da economía rural baseándose nos seus especiais valores agrarios ou ambientais.

 

RECRIA GENÓMICA

CAMPAÑA SEME

BOLSA DE RECRÍA

Identificación bovina


ACCESOS DE INTERESE

O tempo · meteogalicia
TV, novas relacionadas coa produción de leite
Xunta de Galicia Medio Rural
Xenética Fontao

AFRICOR LUGO

Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos
Ronda de Fingoi, 117 · 27002 3 Lugo· Tfno: 982 25 07 14 · E-mail: info@africorlugo.com
Aviso Legal · Política de Privacidad · Uso de Cookies· Política de Calidad · Canal ético