10 / Diciembre / 2024
A Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), segue acadando recoñecementos, sendo recoñecida co primeiro premio na categoría de Proxectos relacionados co ámbito agrogandeiro durante a entrega dos XV Premios ao Desenvolvemento Rural, concedidos pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Xunta de Galicia. A cerimonia tivo lugar esta mañá no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.
A MOEXMU, que se celebra en Muimenta, no municipio lugués de Cospeito, é unha das feiras decanas de Galicia. O evento combina tradición e innovación, converténdose nunha referencia anual para profesionais e público xeral interesados no sector agrogandeiro. A súa contribución á dinamización económica e social da comarca, así como ao fomento da cooperación e a visibilidade do medio rural, foron determinantes para o recoñecemento recibido nesta edición dos premios.