19 / Julio / 2014
Presentáronse 29 animais, dos que 26 foron femias e tres machos. Dos machos so se vendeu un, por 800 €, un fillo de Baxter de 9 meses de idade, procedente da vaca Bos Best Littel, con nove xeracións de vacas MB ou Ex, que presentou a gandería Vila, de Nadela, Lugo.
Vendeuse a totalidade das femias presentadas, cun prezo medio de 1.965 €, algo inferior aos 2.230 € da última poxa, no mes de abril, que tamén tivo lugar en Muimenta, pero as condición actuais do mercado do leite marcaron a tendencia dos prezos. A tendencia á baixa do prezo pagado polo leite ao produtor e a amenaza das multas por sobrepasamento de cota láctea fixeron que os compradores fosen cautos nas compras, se ben a alta cualidade dos animais ofertados fixo que non se poideran resistir a adquirilos na súa totalidade. O volume total de vendas foi de 51.900 €, con prezos que oscilaron dende os 1.500 € aos 2.600 €.
Séguese a dar o diferencial de prezo entre vacas e xovencas, valorando o comprador máis as vacas paridas de recién, con 125 € por riba das xovencas próximas ao parto.
O animal que acadou o prezo máis alto foi a primeiriza presentada pola gandería Vila, de Nadela, Lugo, unha filla de Shottle con nai Xacobeo MB 85, parida do doce de xuño, cun ICO de 2.618, o que a situa como un animal de alto valor xenético, entre o 10% das mellores vacas de España por este índice xenético.
Vila Shottle Xena
En canto ás xovencas, o prezo máis alto foi para a filla de Magrebí presentada pola gandería Vega, de Ansemar, Castro de Rei, preñada de novembro e cunha nai Duplex MB 86.
Vega Magrebi Chita
Os compradores viñeron de Pontevedra e Lugo, dándose unha boa concurrencia de público, nunha instalacións preparadas pola Asociación de Empresarios de Muimenta, modélicas para desenvolver este tipo de actividades.
A poxa contou co patrocínio da Deputación provincial de Lugo, o Concello de Cospeito e coa colaboración da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, Xenética Fontao cedeu un lote de seis doses de touros probados por cada un dos animais adquiridos na poxa.