06 / Febrero / 2025
DECRETO 8/2025, do 20 de xaneiro, polo que se regula o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo cal se regula a nova estrutura e o sistema de funcionamento do Observatorio Lácteo de Galicia.
O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007, pero o tempo transcorrido dende aquela e os cambios experimentados nestes anos na produción e na industria, así como na evolución do consumo e dos mercados do leite e dos produtos lácteos a nivel nacional e internacional, aconsellan adaptalo á realidade actual.
Con este fin, o decreto publicado hoxe cambia a composición do Observatorio para acoller a todos os elos da cadea de valor do leite: produción, industria, distribución e consumo. Así mesmo, redefine as funcións da presidencia da secretaría e das vogalías que o conforman (21 en total). Neste sentido, cómpre destacar a incorporación a unha das vogalías da asociación de produtores lácteos de Galicia con maior representatividade. Esta incorporación obedece á necesidade de que no Observatorio figuren representados todos os sectores que traballan directa ou indirectamente no sector lácteo.
Ademais, co fin de fortalecer o seu funcionamento ordinario, permítese a creación de grupos de traballo coa participación de persoas expertas no sector lácteo alleas ao Observatorio. Esta modificación tamén busca incrementar a cantidade de información dispoñible, a transparencia e a calidade na publicación de datos, co fin de mellorar este órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo para dotalo de ferramentas para a toma de decisións empresariais e de estratexia de mercado.