01 / Noviembre / 2021
Como reflectimos na memoria de 2020 da asociación, Galicia é unha das rexións máis produtoras de leite de Europa, sendo a produción de leite o principal motor económicos de moitos dos seus concellos, a pesar de que cada vez quedan menos ganderías estas teñen un maior tamaño, e moitas delas xa están a contar con traballadores contratados, ademais de dar emprego a moitas persoas a través dos servizos externos que precisan: veterinarios, podólogos, enxeñeiros, comerciais, albaneis, electricistas, fontaneiros, mecánicos, xestorías, control leiteiro, etc. Todo isto permite crear un rural vivo, capaz de xerar riqueza e fixar poboación fóra das cidades.
O leite é o principal produto destas ganderías, que venden ao prezo ofertado polos compradores, pois a capacidade de negociación é escasa, o número de operadores no mercado é limitado, a organización das recollidas e tratarse dun produto moi perecedoiro, que hai que vender diariamente pon aos produtores nunha situación de desvantaxe para negociar.
Esta situación provoca que os gandeiros teñan que manifestarse, na busca dalgunha solución e do cumprimento da lexislación, onde se di que un produto non pode ser vendido por un prezo inferior aos custes de produción, algo que sí está sucedendo co leite. O futuro a curto prazo non parece nada mellor, con anuncios de incrementos nos prezos de cereais e abonos para o ano 2022 e sen perspectivas de que isto se traslade ao prezo do leite.
Así, a primeira convocatoria corre a cargo de Agromuralla, asociación de gandeiros das provincias de Lugo e Coruña para o vindeiro 4 de novembro en Lugo.